Saturday 04 de May de 2024

Ovidio Rodeiro presenta en Fitur o Barbanza como un destino de turismo naútico durante todo o ano e cun gran potencial polo seu patrimonio industrial


O delegado territorial da Xunta participou nas presentacións de “Arousa Norte-365 días navegables” e na de “Turismo Industrial na Ría Muros-Noia”, ambas organizadas polos seus correspondentes Xeodestinos

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, participou en dúas das presentacións da programación de Galicia que se levaron a cabo na 39º edición de Fitur, a Feria Internacional de Turismo que se celebra en Madrid desde o pasado mércores e ata mañá venres.
O delegado territorial destacou, na súa intervención, que “a Comunidade galega se presenta nesta feria como un destino no que os seus principais atractivos residen no patrimonio, na natureza, na mar e na cultura galega”. Neste senso, apuntou que “o Barbanza conta con todos estes recursos polo que cumpre con todas as condicións para captar un turismo de calidade que busca viaxar sen présas e aproveitar todo o potencial das zonas que visita”.
Ovidio Rodeiro participou en dúas presentacións, concretamente, na de “Arousa Norte-365 días navegables” e na de “Turismo Industrial na Ría de Muros-Noia”, ambas organizadas polos seus correspondentes Xeodestinos.
O delegado territorial lembrou que Galicia conta coa Estratexia de Turismo 2020 na que os Xeodestinos son unha peza fundamental xa que permiten a colaboración proactiva cos concellos que os conforman para lograr desenvolver todo o potencial dos recursos turísticos dun territorio. Esta estratexia establece como obxectivo incrementar o número de visitantes á nosa comunidade un 21%, ata superar os seis millóns de turistas no 2020.
En relación co Xeodestino Arousa-Norte, Ovidio Rodeiro lembrou que conta con convenio bianual (2018-2019) no que a Consellería de Cultura e Turismo aporta 150.000 euros. Un dos eixos de traballo deste convenio é potenciar esta zona como un destino náutico deportivo, durante os 365 días do ano, que permita aproveitar todos os recursos procedentes da mar para diferenciarnos do resto.
Ovidio Rodeiro destacou que “Arousa Norte conta con infraestruturas náuticas e recursos de gran nivel pero é necesario manter un compromiso coa perfección para adaptarnos ás necesidades dos novos mercados e perfiles”. “Neste Xeodestino, recalcou, temos que seguir poñendo en marcha proxectos singulares, como o de mini cruceiros pola costa, para seguir conectando ao turista coa nosa xente. A mar, os ríos e as rías desta zona son un recurso diferencial que ofrecen moitas posibilidades que hai que aproveitar”.
En relación co Xeodestino Muros-Noia, o delegado territorial apuntou que “hoxe en día hai un gran interese por coñecer cómo eran e cómo se adaptaron aos novos tempos algúns dos oficios artesanais que, durante séculos, foron o principal modo de vida dos habitantes desta ría”. Por iso, recalcou que o turismo industrial ten un futuro prometedor porque nos diriximos a un nicho de mercado crecente en toda Europa”. Este Xeodestino conta cun convenio no que a Consellería de Cultura e Turismo aporta 40.000 euros.
Neste senso, sinalou que grazas ao intenso traballo de todos, Xunta, concellos e sector turístico, estamos colocando á provincia de A Coruña á cabeza á hora de captar este tipo de turismo.
O representante do goberno autonómico rematou sinalando que a colaboración entre administracións nos sitúa no camiño adecuado para aproveitar e fortalecer as marcas turísticas Arousa Norte e Ría Muros-Noia como parte esencial da marca “Destino Galicia”.
“O noso obxectivo, recalcou, é estender os mapas dos Xeodestinos como un puzle no que cada peza conta, e no que todos temos que colaborar. Por iso, é tan importante que se creen figuras directivas encargadas da xestión diaria para que haxa unha corresponsabilidade que nos permita avanzar máis e mellor”.
Ovidio Rodeiro participou nos diferentes actos programados nas diferentes xornadas de Fitur, nas que o stand de Galicia acolleu diversas presentacións. O delegado estivo constantemente arroupando e apoiando aos alcaldes da provincia e ás entidades que quixeron aproveitar o espazo habilitado pola Xunta para dar a coñecer as súas ofertas.